A súa vida
Moncho Valcarce //
Percorrido pola vida de Moncho Valcarce, o cura das Encrobas. Unha vida dedicada á defensa dos máis necesitados, situándose sempre ao seu carón.
Moncho Valcarce
A súa vida //
Primeiros anos
Moncho Valcarce naceu no seo dunha familia acomodada da cidade da Coruña o 5 de setembro de 1935. Foi o sexto de oito irmáns con residencia nunha patrimonial casa na rúa da Franxa, hoxe ocupada por oficinas municipais. Comezou os seus estudos de bacharelato no colexio dos Xesuítas de Vigo para logo rematalos no instituto da Coruña.
Matricúlase como alumno libre na facultade de dereito da Univesidade compostelana, carreira que logo continuaría en Salamanca. De carácter extrovertido, alegre, incluso festeiro; amante da lectura e da música, levou unha xuventude como calquera mozo da súa idade.
O paso polo seminario
Moncho, aberto cara o exterior pero cunha intensa vida interior que o levou a unha fonda reflexión sobre a súa existencia e futuro, decidiu facerse sacerdote. Entra no seminario maior de Compostela en 1959, onde pronto se sinte incómodo fronte ao tipo de educación que alí se daba, polo que marchou estudar teoloxía na Universidade Gregoriana de Roma.
En Roma contacta con grupos de cataláns, vascos e andaluces nos que observa un orgullo identitario. El mesmo empeza a tomar concienza do seu ser galego integrándose nun grupo que denominaban “Irmandiños”, co desexo de volver á Terra para poñer a súa vocación ao servizo do pobo.
En 1967 regresa ao seminario de Santiago onde manifesta a súa forte personalidade denunciando a educación arcaica, submisa, incluso reaccionaria e colonizadora que alí se daba, o que lle valeu a expulsión acusado de “axitador de tendencia comunista”. Desterrado na Coruña baixo a tutela do sacerdote Manuel Espiña, e grazas á súa axuda, conseguiu que o volveran a admitir no seminario, rematando, por fin, os seus estudos de seminarista.
Un labor pastoral diferente
Ordénase sacerdote o 19 de novembro de 1969, aos 34 anos de idade. Foi destinado ás parroquias de Sésamo e Sueiro, do concello de Culleredo da Coruña. Alí puxo en práctica a súa singular concepción presbiterial. Fixo da casa de Deus a casa do pobo e converteu a igrexa nun centro social que encheu de actividades de cultura popular.
O carácter participativo das misas (na súa prédica animaba á intervención dos fregueses, daba a comuñón con pan centeo e viño do ribeiro) a gratuidade nos servizos, a eliminación dos confesionarios, a introdución do galego como lingua litúrxica, así como as súas proclamas contra o caciquismo e as inxustizas, daban idea do innovador labor pastoral que desenvolveu.
A rectoral na que vivía abriu as súas portas á comunidade, e numerosos mozos e mozas con arelas de cambio nun contexto ditatorial tiveron alí un lugar de liberdade para expresar as súas inquedanzas e proxectos, os seus soños humanistas ou revolucionarios. Foi refuxio de loitadores antifranquistas, dos seus materiais e dos seus trebellos de impresión clandestina, alí editouse, cun grupo de nozos, unha revista crítica “Outeiro de San Cosme”, orientada ás reivindicacións dos veciños das parroquias que levaba.
Colabora cos partidos políticos da oposición. Ao principio co PC e co PCI, a raiz do cal foi detido en Betanzos nunha reunión clandestina onde, despois de pasar varios días nos calabozos da garda civil, foi, pola súa condición de crego, enviado en arresto substitutorio ao mosteiro de Poio.
Militancia política
Porén, a súa identificación cos problemas dos labregos cunha Terra de seu, fixo que orientara cara eles a súa actividade, entrando en relación con xente ligada ao nacionalismo e integrándose nos CALL (Comités de Axuda á Loita Labrega) organización de apoio ás CC. LL. (Comisións Labregas).
Definida xa a súa opción ideolóxica nacionalista non tivo reparo en participar activamente na política, militando na AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega) e participando nas primeiras eleccións dos comezos da democracia en 1977 como senador do BN-PG (Bloque Nacional-Popular Galego).
En 1979 foi elixido concelleiro de Culleredo por esa coalición, edilato que conservou durante oito anos. Na segunda lexislatura, xa como membro do BNG, formou parte do goberno de coalición co PSOE como tenente de acalde, presidente da comisión de Educación e Deportes e da de Cultura, levou unha plena actividade nestes campos, ademais de pular pola democratización, a galeguización e a xustiza social no concello.
Últimos anos
Incómodo para a xerarquía eclesiástica, esta fixo todo o posible para alonxalo da política enviándoo en 1987 a Salamanca, coa disculpa de realizar un curso teolóxico na Universidade Pontificia. Este ano sabático foi moi ben aproveitado por Moncho para reflexionar fondamente sobre a súa actitude como crego, reflectida no seu traballo de fin de curso “O compromiso político dun presbítero nunha realidade concreta: Galiza”.
Ao voltar de Salamanca foi destinado ao concello das Pontes. Alí formou parte dun equipo pastoral e levou varias parroquias. Sempre inquedo e activo, participou en programas de radio, foi vicepresidente do grupo ecoloxista “Niño de Azor”, colaborou coas CC. LL. da zona e deu clases no instituto da vila.
No outono de 1991 empeza a atoparse mal, descúbreselle un cancro irreversible, o seu aspecto cambia drasticamente até caer postrado na cama. Mostra unha entereiza e dignidade pouco comúns fronte ao sofrimento que padecía. Escribe un diario, e recibe a multitude de amigos sempre co humor que o caracterizaba. Morre o 1 de febreiro de 1993 cando tiña 57 anos de idade. Foi soterrado no cemiterio de Santo Amaro da súa cidade natal cuberto coa bandeira nacionalista, ao son do himno galego, despedido cos versos de Bouza Brey e rodeado dos que o quixeron en vida.
Moncho Valcarce
A carón do pobo //
Moncho Valcarce dedicou a súa vida á defensa dos máis necesitados, situándose sempre ao seu carón. Resulta difícil atopar un enfrontamento no campo, na época da transición, na que os labregos non o chamaran para apoialos, xa fose contra o caciquismo ou contra unha administración aínda con reminiscencias franquistas, ou contra a construción de encoros ou contra a usurpación dos montes veciñais, etc. De tal xeito, Moncho convertiuse, por méritos propios, no referente carismático daquelas loitas agrarias -das que expoñemos aquí as máis emblemáticas- sufrindo por iso detencións malos tratos, multas e marxinación eclesiástica.