Premios

Irmandade Moncho Valcarce //

Espazo dedicado a aquelas persoas gañadoras do Premio Moncho Valcarce, ao longo destes anos

Premios Moncho Valcarce 2026 //

Ler saudo aos asistentes

Hai 33 anos do pasamento de Moncho Valcarce e a súa loita e compromiso siguen vixentes. Aqueles que en tempos roubaban os nosos recursos, explotaban ós labregos, marxinaban a nosa cultura e negaban o dereito a decidir por nós mesmos o noso futuro, son os mesmos que hoxe en día queren convertir o noso País nun parque temático de eólicos, destruir os recursos pesqueiros e marisqueiros, contaminar os nosos ríos, montar macrocelulosas, roubar os nosos recursos, destruir a nosa cultura, en definitiva, deturpar a nosa identidade.

“Temos saudade del e non podemos por menos que honrar a súa memoria tratándomos de seguir o seu exemplo, a súa inmensa xenerosidade, a súa galeguidade radical, o seu maxisterio ao servizo do povo galego. Se a Galiza que  hoxe existe – e a conciencia sobre ela – é posible, é grazas a persoas coma el, que nos continúan convocando a un futuro que ten aínda tanto por construir”. Istas palabras escritas por unha das premiadas hoxe, MªPilar García Negro no libro “Moncho Valcarce: un dos inesquecibles”, reflexa perfeitamente a figura e trascendencia de Moncho.

Corren tempos convulsos donde un tirano narcisista con ínfulas imperialistas xunto  ao seu acólito xenocida queren facer do mundo un resort que se acomode as súas pretensións económicas, militares e políticas.

Queremos amosar a nosa solidariedade con Gaza, Cisxordania o povo iraní e o libanés. Que o Non a guerra se convirta nun Non ao imperialismo e o fascismo.

E no noso País temos un goberno non só inoperante e sumiso aos intereses do capitalismo senón vergoñentamente subordinado ós intereses dun partido español e españolista que cada día que pasa vai a unha  deriva con tintes fascistas

Pero…temos que ser optimistas e non caer no desánimo diante diste panorama. Boa proba delo e da  capacidade do noso povo, da nosa sociedade, foi a victoria e, por que non dicilo, chute  de  adrenalina, pola paralización de Altri.

A Irmandade Moncho Valcarce segue na defensa do legado de Moncho e polo tanto comprometida con todas as iniciativas e propostas que defende a sociedade civil e as organizacions sociais, políticas, culturais,…

Permitídeme que antes de ir rematando teña un recordo especial para aquelas persoas que dunha forma ou outra estiveron vinculados coa Irmandade durante istes anos e que hoxe xa non están con nós como Eduardo, Espiña, Sotillo, Leopoldo, Mato, Marcelo, Vicente Cerdeiriña, Beramendi Paco García e Alfonso Fernández que viña todos os anos a iste acto

Approveito para mandar un saúdo cariñoso o noso amigo, compañeiro e directivo da Irmandade Gino.

Pero hoxe estamos a celebrar o acto de entrega dos Premios Moncho Valcarce a unha persoa e unha entidade que cos seus valores, a súa loita, a súa entrega e o seu compromiso dignifican o sentido dos mesmos.

Grazas a todas e todos vós que coa vosa asistencia facedes posible que os Premios Moncho Valcarce sexan unha cita reivindicativa para perpetuar a figura de Moncho e para distinguir a aquelas persoas ou colectivos que destacaran ao longo do tempo na defensa dos dereitos políticos, sociais e culturais que nos corresponden como povo.

Por último un agradecemento sentido e un recoñecemento a quén un ano máis nos vai acompañar na parte musical. Despois de 22 edicións  istes premios non serían o mesmo sen a compañía de A Quenlla.

Sen mais pasamos a leitura das razón polas que entregamos nesta edición do ano 2.026 o Premio “Pola Promoción da Terra” a Fundación Manuel María e “Pola Defensa  da Terra” a Pilar Garcia Negro.

Grazas

Premio Pola Promoción da Terra

Fundación Manuel María

Fundación Manuel María

Ler discurso

A Irmandade Moncho Valcarce, entidade creada para difundir a figura, o pensamento e os valores de Moncho Valcarce, exemplo de entrega e compromiso co pobo galego, concede anualmente os Premios Moncho Valcarce.

Este ano a Irmandade decidiu outorgar o premio da “Promoción da Terra” á Fundación Manuel María de Estudos Galegos.

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos foi constituida en marzo de 2007 e declarada de interese galego o 11 de xuño dese mesmo ano, coa finalidade de manter o legado e a memoria do insigne escritor Manuel María. Leva 19 anos de funcionamento cunha actividade cultural continuada, actividade que se acentuou enormemente ao abrirse ao público no ano 2013, a Casa Museo Manuel María.

O seu obxectivo principal é a custodia e difusión do legado de Manuel María, tanto no que se refire ao seu corpus literario como á súa propia traxectoria vital, co propósito de que o pobo galego, destinatario natural da súa obra, teña coñecemento dela e do seu legado. É por iso que as súas actividades xiran arredor tanto da obra literaria (poética, teatral, narrativa e ensaística) como do coñecemento do seu legado depositado na Casa-Museo Manuel María, casa natal do escritor.

De entre a súa variada programación podemos destacar:

  • A celebración anual do espectáculo Lúas de Outono, que xa levou a cabo a XVI edición.
  • O Certame de recitado Rosalía sempre viva, que xa realizou a IX edición.
  • A convivio da Cultura  Galega, na XII edición, cun encontro de entidades culturais de toda Galiza.
  • O Concurso escolar de videopoemas, na VIII edición.
  • O Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, na IV edición.
  • O certame anual do Concurso Manuel María de Composicións Musicais, na IV edición, que ten por obxecto premiar a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel  María.
  • A publicación de novos números da colección para primeiros lectores e lectoras “O poeta Manuel María…”.
  • A catalogación normalizada do acervo documental e da bibliografía de Manuel María e Saleta Goi, para que poida ser consultada.
  • As Exposicións arredor de Manuel María e outras figuras da literatura galega.
  • O coñecemento de Manuel María no territorio: Camiñando a Terra.
  • A cartografía dixital: Polos camiños da Terra con Manuel María.
  • A elaboración e difusión de documentais.
  • A publicación de obras de Manuel María con edicións esgotadas.
  • As publicacións para a difusión da figura e  obra do autor.
  • As publicacións educativas con materiais didácticos sobre a súa obra.
  • A publicación dos cadernos que conteñen as partituras gañadora e finalistas dos Concursos Manuel María de Composicións Musicais.

Ademais da programación cultural continua dentro da Casa-Museo entre a que podemos destacar:

  • O programa de visitas guiadas á Casa-Museo Manuel María, onde naceu e  viviu Manuel María, como un equipamento que acolle todo o seu legado e preserva a súa memoria.
  • Os Clube de Lectura da Casa-Museo: un para persoas adultas e  outro de lectura xuvenil.
  • Teatro, contacontos, música, maxia, recitados, presentación de libros, como exemplo dalgunha das actividades que se  levan a cabo semanalmente.

É por iso que a Irmandade Moncho Valcarce, co voso acordo, o de tódolos presentes, decidimos otorgar o “Premio Moncho Valcarce” na categoria “Pola Promoción da Terra correspondente ó ano 2.026 a Fundación Manuel María

Premio Pola Defensa da Terra

Pilar Garcia Negro

Pilar Garcia Negro

Ler discurso

É doado e grato facer unha glosa de Pilar Garcia Negro cando a moitas e moitos dos presentes nos unen con ela lazos de afinidade sociais, políticos ideóloxicos, persoais, activismo,…Pilar foi compañeira de militancia de Moncho ; “Foi no fin do ano 76 cando o coñecín e falei por vez primeira. Teño moi viva a impresión de que aquela especie de  alpendre se asemellaba a unha catacumba onde a palabra viva, sempre animosa e combativa de Moncho brillaba con toda a súa forza”. Son palabras escritas por Pilar no libro “Moncho Valcarce.Un dos inesquecibles”.

A homenaxeada sempre tivo moi claro o seu  obxectivo  e para moitas e moitos de nós foi e é unha referencia  para manternos no camiño correcto , un exemplo de coherencia política e unha mestra que nos alumea   para coñecer e recoñecer a nosa cultura, o noso idioma e os nosos clásicos da literatura e do pensamento.

O seu falar mainiño, pero contundente se fora preciso, reflexa a súa imaxe de cercanía e cordialidade.

Se non erro, iste ano fará 50 anos que aterrou na cidade de A Coruña, sendo no Instituto Eusebio da Guarda donde impatíu as súas clases e polo mesmo prezo abríronlle un expediente por utilizar o galego como lingua vehicular.

Ten reservada unha páxina propia na historia política de Galicia por ser a primeira muller nacionalista en chegar ao Parlamento Galego entre os anos 1989 e 2003.

Recurro a revista Quiasmo, da que Pilar é membro honoraria do seu Consello Editorial, para destacar o seu perfil;

“É unha das voces máis vitais e rigurosas de pensamento crítico sobre lingua, identidade, políticas culturais na Galiza contemporánea.

Investigadora, profesora e ensaista desenvolve un traballo fundamental no campo da sociolinguistica, da historia da lingua  galega e da análise crítica das políticas linguisticas, sempre  a partir dunha  posición intelectualmente exisente e éticamente comprometida.

A súa obra articula investigación académica, intervención pública e reflexión cultural, contribuindo de forma decisiva ao debate sobre a lingua, poder e democracia”.

Filóloga, investigadora, profesora honoraria da Universidade de A Coruña, presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, colaboradora da Federación de Asociacións Culturais Galegas, da Asociación Socio Pedagóxica Galega, da Asociación de escritores e escritoras en Lingua Galega, da Mesa pola Normalización Lingüística,…

Membro do Consello de redacción de Altres Nacions, da revista de Filoloxía da Universidade de A Coruña, do Padroado da Fundación Terra e Tempo, da Fundación Rosalía de Castro, socia ad honoren da Asociación de mulleres investigadoras e tecnólogas dende 2.018, membro do equipo de redacción da “Declaración Universal de Direitos Linguisticos e do Comité Cientifico da mesma.

En 2.010 foi comisaria da exposición adicada a Castelao polo Museo Provincial de Lugo e no 2.020 a adicada a Carvalho Calero polo Parlamento. No 2.025 coordinou o colecionable de Nós Diario adicado a Castelao

É autora de numerosos ensaios sobre Rosalía de Castro, Castelao, Carvalho Calero, Eduardo Blanco Amor, Pardo Bazán, Manuel María,…

O seu traballo recibíu múltiples recoñecementos ao longo dos anos; Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais(2010), Premio da Asociación de escritores en Lingua Galega de Ensaio(2011), Premio Anxel Casal (2013), Premio Insua dos Poetas (2020), Premio Rosalía de Castro da Deputación de A Coruña (2004) e o recente Premio Alfredo Iglesias (2025) entre outros.

É sen lugar a dúbidas unha das mulleres máis destacadas do nacionalismo galego contemporáneo.

Non pretende iste ser un Premio académico nin literario – aínda que méritos tería dabondo para elo, se non un recoñecemento humano  de fidelidade e coherencia galeguista

O seu compromiso fai dela unha activista imprescindible e necesaria para sensibilizar e concienciar á sociedade de que, outra Galiza, é posible.

Os que tivemos o privilexio de coñecer a Moncho e aqueles que o recoñecen como un símbolo para acadar outra Galiza, estamos convencidos de  que Moncho estaría orgulloso da concesión do Premio a Pilar Garcia Negro.

É por iso que a Irmandade Moncho Valcarce, co voso acordo, o de tódolos presentes, decidimos otorgar o “Premio Moncho Valcarce” na categoría “Pola Defensa da Terra” correspondente ó ano 2026 a Pilar Garcia Negro.

Discurso da Premiada:

Premios Moncho Valcarce 2025 //

Ler saudo aos asistentes

Hai 32 anos do pasamento de Moncho Valcarce e a súa loita e compromiso seguen vixentes. Aqueles que en tempos roubaban os nosos recursos, explotaban ós labregos, marxinaban a nosa cultura e negaban o dereito a decidir por nós mesmos o noso futuro, son os mesmos que hoxe en día queren convertir o noso País nun parque temático de eólicos, destruír os bancos pesqueiros, contaminar os nosos ríos, montar macrocelulosas, roubar os nosos recursos, destruir a nosa cultura, en definitiva, deturpar a nosa identidade.

“Temos saudades del e non podemos por menos que honrar a súa memoria tratándomos de seguir o seu exemplo, a súa inmensa xenerosidade, a súa galeguidade radical, o seu maxisterio ao servizo do povo galego. Se a Galiza que hoxe existe – e a conciencia sobre ela – é posible, é grazas a persoas coma el, que nos continúan convocando a un futuro que ten aínda tanto por construir”. Estas palabras escritas no libro “Moncho Valcarce: un dos inesquecibles” por unha persoalidade e guieira da nosa cultura como é Pilar García Negro, reflexa perfectamente a figura e a trascendencia  de Moncho.

A Irmandade Moncho Valcarce segue na defensa do legado de Moncho e, polo tanto, comprometida con todas as iniciativas e propostas que defende a sociedade civil e as organizacións sociais, políticas, culturais…

Este ano é unha data especial, debido a que se cúmpren 75 anos da morte do que é considerado a maior personalidade galega do seu tempo, e da posteridade, até os nosos días, Castelao. Por isto queremos hoxe rendirlle homenaxe diante das accións farisaicas e manipuladoras por parte das institucións autonómicas para baleirar de contido a súa obra artística, literaria, plástica, ideolóxica e política.

Tamén é un mes especial porque estamos a celebrar o Día das Letras Galegas, acertadamente adicadas ás cantareiras xa  que son unhas fieles transmisoras da lingua e da cultura galega.

Queremos comunicaros que, grazas á familia de Vicente Cerdeiriña,  temos unhas vinte novas carpetas de documentación de Moncho. Estamos revisándoas e estudando por si houbera material para unha publicación.

Os libros que Moncho cedeu ás veciñas e veciños de Culleredo e que estaban depositados na Biblioteca Moncho Valcarce en Sésamo, seguen secuestrados. Despois de dous anos e das promesas incumpridas do alcalde de Culleredo para a súa devolución ao seu lugar natural, imos convocar o día 24 unha Asemblea aberta para decidir que accións podemos adoptar.

Vou rematando.

Permitídeme que teña un recordo especial para aquelas persoas que dunha forma ou doutra estiveron vinculados coa Irmandade durante estes anos, e que hoxe xa non están con nós, como Eduardo, Espiña, Sotillo, Leopoldo, Mato, Marcelo ou Vicente.

Pero hoxe estamos a celebrar o acto de entrega dos Premios Moncho Valcarce a unha persoa e a unha Plataforma que cos seus valores, a súa loita, a súa entrega e o seu compromiso dignifican o sentido dos mesmos.

Grazas a todas e a todos vós que, coa vosa asistencia, facedes posible que os Premios Moncho Valcarce sexan unha cita reivindicativa para perpetuar a figura de Moncho e para distinguir a aquelas persoas ou colectivos que destacaran ao longo do tempo na defensa  dos dereitos políticos, sociais e culturais que nos corresponden como pobo.

Por último, un agradecemento sentido e un recoñecemento a quen hoxe nos vai acompañar na parte musical: as pandereiteiras das Encrobas. Despois de 21 edicións, estes Premios non serían os mesmos se Mero, e o seu grupo, non nos acompañaran con alguna peza.

Sen máis pasamos a lectura das razóns polas que entregamos nesta edición do ano 2025 o “Premio Moncho Valcarce” “Pola Defensa da Terra” á “Plataforma veciñal mina Touro-O Pino NON” e “Pola Promoción da Terra” a Margarita Ledo Andión.

Grazas.

Premio Pola Promoción da Terra

Margarita Ledo Andión

Margarita Ledo Andión

Ler discurso

É doado e grato facer unha glosa de Margarita Ledo cando a moitas e moitos dos presentes nos unen con ela lazos de  afinidade sociais, políticos, ideóloxicos, persoais, activismo…

Margarita foi compañeira de militancia de Moncho aló polos anos 70 do século pasado.  “Como símbolo, Moncho condensa o significado duns anos que nos permiten, hoxe, ter a cabeza ergueita. E como signo, segue a nos indicar que camiño tomar”. Son palabras escritas por Margarita Ledo no libro “Moncho Valcarce. Un dos inesquecibles”.

A homenaxeada sempre tivo claro o camiño que ía tomar e para algúns foi e é un exemplo para non desviarnos del. A súa coherencia, activismo e compromiso político e público coa promoción e a defensa da nosa identidade como pobo, servíu e serve como revulsivo para non decaer nos tempos convulsos que estamos a vivir.

A súa traxectoria profesional desborda a xustificación de motivos pola que se lle fai hoxe entrega do Premio Moncho Valcarce Pola Promoción da Terra: escritora, xornalista, decana da Facultade de Ciencias da Información, onde exerce na actualidade como catedrática de comunicación audiovisual, académica numeraria da Real Academia Galega, Premio Nacional de cultura galega, fundadora e directora do Semanario “A Nosa Terra”, investigadora, directora de cine…

A súa enerxía desbordante faille acometer proxectos e iniciativas culturais e intelectuais que son modelos dos últimos 50 anos.

O seu compromiso fai dela unha activista imprescindible e necesaria para sensiblilizar e concienciar á sociedade de que, outra Galiza é posible.

A súa xenerosidade apoiando inicativas sociais desde a loita feminista – na que é unha referente –  o seu traballo cultural, formativo, educativo… fan que Margarita Ledo sexa un modelo a seguir polas novas xeneracións.

Os que tivemos o privilexio de coñecer a Moncho, e aqueles que o recoñecen como un símbolo a prol dos máis desfavorecidos, estamos convencidos de que Moncho estaría orgulloso da concensión do Premio a Margarita Ledo.

É por isto que a Irmandade Moncho Valcarce, co voso acordo, o de todos os presentes, decidimos otorgar o “Premio Moncho Valcarce” na categoría “Pola Promoción da Terra”, correspondente ao ano 2025, a Margarita Ledo Andión.

Fai a entrega o sobriño de Moncho e socio da Irmandade Xosé Carlos Valcarce.

Premio Pola Defensa da Terra

Plataforma veciñal Mina Touro-O Pino non

Plataforma veciñal Mina Touro-O Pino non

Ler discurso

Hai 35 anos que rematou o pesadelo da mina a ceo aberto para a extracción de cobre nos concellos de Touro e o Pino. Anos que implicaron expropiacións de terras de cultivo e monte, eliminación de fontes das que se abastecía a poboación e necesarias para os traballos agrogandeiros, a contaminación dos ríos do entorno que chegou até o rio Ulla…

Dixemos que rematou o pesadelo?

No ano 2013 volven presentar o proxecto, que foi rexeitado polo seu impacto negativo para a saúde.

O pesadelo volve estar latente, a empresa porfía na reapertura e a Xunta de Galicia admite a trámite un proxecto que é prácticamente o mesmo que o denegado anteriormente. A connivencia entre os poderes económicos e a administración é manifesta e pública.

Enfrontámonos unha vez máis, igual que no caso de Altri ou os eólicos, a un proxecto que é un atentado contra o medio ambiente e contra o modo de vida de miles de persoas. Un modelo que favorece o espolio dos nosos recursos, con grave impacto ambiental, social e económico e que imposibilita calquera outra alternativa económica que se poida dar vinculada cun rural vivo.

En 2017, as veciñas e os veciños de Touro e O Pino din NON. Crean unha plataforma para enfrontarse ás intencións da empresa de reabrir a mina. Aglutinan ao seu redor non só á veciñanza da contorna, senón que son quen  de crear unha rede por todo o País en apoio as súas demandas. O traballo desta Plataforma foi, e é, inxente: miles de alegacións, liderazgo nas movilizacións, entrevistas con técnicos, campañas de sensibilización… A implacable campaña publicitaria da empresa non foi quen de amilanalos o máis mínimo, e como dixo unha delas nunha entrevista “xa paramos unha mina, imos parar esta”.

Lembrades aquela canción de Fuxan os Ventos “primeiro Portomarin, logo Castrelo de Miño despois tocoulle as Encrobas sofrer parello destiño”? E despois foi Xove, Baldaio, a cuota empresarial, Portodemouros, Tordoia… En todas elas houbo resposta por parte do pobo que conseguiu facer fronte a un capitalismo depredador que non ten escrúpulos en destruír os nosos recursos naturais.

Agora son Altri, eólicas, minas ou ¡que medo!  “descubrir terras raras”. Pois a resposta vai ser a mesma: A NOSA TERRA É NOSA.

É por isto que a Irmandade Moncho Valcarce, co voso acordo, o de todos os presentes, decidimos otorgar  o “Premio Moncho Valcarce” na categoría “Pola Defensa da Terra” correspondente ao ano 2025 á “Plataforma veciñal mina de Touro o Pino NON”.

Fai entrega do Premio o Secretario da Irmandade Vitorino Pérez Prieto.

Premios Moncho Valcarce 2024 //

Ler saudo aos asistentes

Hai 31 anos do pasamento de Moncho Valcarce e a súa loita e o seu compromiso seguen vixentes. Aqueles que en tempos roubaban os nosos recursos, explotaban aos labregos, marxinaban a nosa cultura, e negaban o dereito a decidir por nós mesmos o noso futuro, son os mesmos que hoxe en día queren convertir o noso País nun parque temático de eólicos, destruir os bancos pesqueiros, contaminar os nosos ríos, montar macrocelulosas, destruir a nosa cultura.

A Irmandade Moncho Valcarce, renovada con novas incorporacións, segue na defensa do legado de Moncho Valcarce e polo tanto comprometida con todas as iniciativas e propostas que defende a sociedade civil e as organizacións políticas. Somos conscientes que nesta nova etapa temos que abrirnos moito máis á sociedade, potenciando iniciativas propias, pero tamén as doutras entidades.

Como proxecto a corto plazo está substituir a exposición de Moncho Valcarce, composta de 21 paneis, por algo máis didáctico, actual e práctico, reeditar o libro “Diario intimo da doenza final. Revolucionario e místico” e o libro “Moncho Valcarce, un símbolo para Galiza”.

Precisamos da vosa  colaboración. A  Irmandade necesita socias e socios que lle poidan dar unha estabilidade económica. Na entrada hai unha carpeta con 8 láminas, que, grazas á colaboración desinteresada das autoras, puidemos facelas asequibles para todos.

Permitídeme que teña un recordo especial para aqueles que dunha forma ou doutra estiveron vinculados coa Irmandade durante estes anos e que hoxe xa non están con nós como  Eduardo, Espiña, Sotillo, Leopoldo, Mato, Marcelo…

Pero hoxe estamos a celebrar o acto de entrega dos Premios Moncho Valcarce a unha persoa e un medio de comunicación que cos seus valores, a súa loita, a súa entrega e o seu compromiso dignifican o sentido dos mesmos.

Grazas a todas e a todos vós que coa vosa asistencia facedes posible que os Premios Moncho Valcarce sexan unha cita reivindicativa para perpetuar a figura de Moncho e para distinguir a aquelas persoas ou colectivos que destacaran ao longo do tempo na defensa dos dereitos políticos, sociais e culturais que nos corresponden como pobo.

Por último un agradecemento sentido e  un recoñecemento a quen durante todos estes anos – e xa van 20 edicións – nos acompañan e emocionan coa súa música. Falo do grupo A Quenlla.

Sen máis pasamos a lectura das razón polas que entregamos, nesta edición do ano 2024, o “Premio Moncho Valcarce pola Defensa da Terra” a Manuel Monge  e o “Premio Moncho Valcarce pola Promoción da Terra” ao Xornal NÓS Diario.

Grazas.

Premio Pola Promoción da Terra

Nós Diario

Nós Diario

Ler discurso

Galiza soporta un déficit de 15.850 prazas de residencias”. “A Xunta eliminou a asistencia pediátrica en 85 concellos en 20 anos”. “As ligazóns políticas da pasteira de Altri unen Feixoo, Rueda e Branco”. “A Xunta “perdoou” en 2.023 ás grandes fortunas galegas máis de 27 millóns de euros”.

Informacións como estas, que en outros xornais son ignoradas ou adaptadas a intereses espúreos, fan de NÓS Diario un xornal necesario.

NÓS naceu coa intención de facer un xornalismo independente, aberto, crítico e sen complexos. Un xornalismo que asuma un compromiso coa sociedade, sen presións políticas ou económicas e sen clientelismo. Un xornalismo que defenda  o noso idioma, a nosa cultura, os nosos dereitos civís, a nosa historia, a nosa memoria, o ecoloxismo, o feminismo, a mocidade, etc. Que dea espazo a persoas e colectivos marxinados noutros medios de comunicación. Dirixido a un público que pode ver reflectidas as súas ideas de avance social e de que Galiza non só é un territorio, senón tamén un espazo de comunicación. E que nese espazo teñan cabida debates, opinións, reflexións…

NÓS é unha referencia necesaria e imprescindible para milleiros de galegas e galegos orfos, durante tantos anos, dun xornal escrito íntegramente en galego, con información veraz e de calidade.

Fan un traballo diario fundamental, nestes tempos de oscurantismo e de ataques á prensa, á nosa cultura, aos nosos recursos naturais ou a traballos sobre agroecoloxía e soberanía alimentaria que garantiría unha alimentación de cercanía, sana e nutritiva, estando no centro as consumidoras e productoras. Estamos convencidos que se tivemos tempos difíciles, os que están por vir non van ser menos.Como exemplo, a negativa do Goberno Galego a concederlles axudas económicas, que por lei estarían obrigados a facelo. Compre pois, que tamén nós sexamos partícipes deste proxecto ilusionante a través das colaboracións, apoios, difusión e – sobre todo – sostén económico, estabilidade financieira, que permita seguir mantendo ese rigor periodístico afastado de clientelismos nocivos. Cantos máis, máis calidade, cantos máis, máis estabilidade. Como sociedade tamén temos que adquirir o  compromiso de apoiar e potenciar a NÓS demostrando que outro xornalismo galego e en galego é posible e necesario. “Se ti estás, chegamos” dicía Xoán Costa no ano 2019, data do lanzamento do xornal. Pois ben compañeiras e compañeiros de NÓS, aquí estamos e, despois de catro anos longos de andaina,  chegamos para quedar e avanzar  construíndo País.

Compre suliñar tamén que NÓS é o primeiro diario en papel e no noso idioma de toda a nosa historia.

Non queríamos esquecernos de mencionar a cita semanal; o semanario SERMOS. Lectura obrigada, que coas súas reportaxes, entrevistas, análises, monográficos e comentarios bibliográficos, musicais ou medio ambientais, fan reflexionar e profundizar en toda a nosa riqueza cultural.

É por iso que a Irmandade Moncho Valcarce, co voso acordo, e o de todos os presentes, decidimos otorgar o “Premio Moncho Valcarce” na categoría “Pola promoción da Terra”, correspondente ao ano 2024, ao xornal NÓS diario.

Fai entrega do Premio, o sobriño de Moncho e membro da Irmandade, José Carlos Valcarce.

Premio Pola Defensa da Terra

Manuel Monge González

Manuel Monge González

Ler discurso

É un mozo cando Manuel Monge recala en Galicia, aínda que xa  conta cunha bagaxe social e política importante as súas costas. No ano 1968 – con 21 anos – pasa mes e medio no cárcere de Basauri ao iniciar os estudos de socioloxía na Universidade de Deusto.

No ano 1969 é cando se instala en Galicia traballando como educador na Universidade Laboral, en Culleredo, rematando os seus estudios de maxisterio no 1971.

Pero é en 1972 – vivindo en Ferrol – cando colle responsabilidades a nivel político; ingresa na Organización Revolucionaria de Traballadores (ORT), sendo responsable de Galiza e membro do seu Comité Central. No 1973, a causa das movilizacións do Proceso 1001 contra dirixentes de CCOO, é sancionado cunha multa gubernativa e pasa dous meses no cárcere de A Coruña. Ao reincorporarse ao traballo é despedido por “faltas inxustificadas”. Un ano despois é novamente despedido, xunto coa súa compañeira, coincidindo cunha campaña de ensinantes en solidariedade cos traballadores de Astano.

Participa, en representación da ORT, na constitución da Táboa Democrática de Galicia.

É detido, novamente, dúas veces máis na Coruña; a primeira con motivo dun peche no Hotel Riazor en solidariedade coa folga de traballadores de hostalería e a segunda no 1977 cando participaba nunha mesa de propaganda a favor da República. Preséntase, ese mesmo ano,  por primeira vez ás Eleccións Xerais encabezando a candidatura pola Coruña da Agrupación Electoral dos Traballadores. Pasa dous anos en Madrid traballando na redacción do semanario En Lucha, órgano do Comité Central da ORT. É readmitido, no 1979, como profesor e aproba as oposicións de maxisterio.

En 1980 participa na constitución de Esquerda Galega, sendo membro do seu Consello Nacional e posteriormente do PSG-EG e de Unidade Galega. No intento do golpe de Estado do 23F permanece toda a noite no Pazo de Maria Pita. Participa na Plataforma Cidadá da Coruña contra os verquidos de residuos radioactivos fronte ás costas galegas.

No 1983 participa na constitución da asociación pedagóxica Nova Escola Galega e no 1984 ábrenlle un expediente de suspensión de emprego e soldo no colexio público de Agualada, expediente que é anulado despois dunha folga xeral de solidariedade. Afilíase á CIG.

Participa na constitución da Plataforma Galega pola Paz na campaña contra o ingreso de España na OTAN.

No 1987 preséntase ás eleccións municipais na candidatura do PSG-EG ocupando o posto número dous.

Vive tres anos en Ribeira, impartindo clases no colexio de Aguiño, onde impulsou a constitución de Xoves Culturais do Barbanza e a Plataforma en Defensa do Hospital Comarcal.

De volta á Coruña, en 1992 impulsa a creación do club de opinión Foro Cívico, sendo Presidente da súa Xunta Xestora. A Comisión das Lagoas, a Plaforma Mar Limpo, o Seminario pola Paz e a Solidariedade, a Comisión cidadá para a defensa do Hospital Militar e a Comisión en Defensa do Asilo de Adelaida Muro son algunhas das iniciativas nas que participa e promove.

En 1994 ingresa no BNG, desde a súa militancia en Unidade Galega, sendo membro do seu Consello Comarcal e Local.

Na lexislatura do 2003/2007 é elexido concelleiro polo BNG na Coruña, sendo responsable dos temas de educación e cultura.

Paralelamente ao seu cargo municipal, no 2004 impulsa a creación da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, da que foi Presidente desde o 2007 ate o 2011. Comisión que, en 2016, lle otorga a distinción de  Republicano de Honra.

Nos últimos anos impulsa a creación na Coruña da Defensa do Común – da que é o seu actual presidente – , da plataforma cívica Galiza pola República e o colectivo de presas e presos políticos da Galiza na ditadura. En 2022 escribe o guión do documental “Camarada Fraga, servidor do franquismo”.

O seu taballo inxente e exemplar nas plataformas sociais e políticas teñen afortunadamente un reflexo na súa prolífica obra como escritor que son un testemuño vivo da historia recente e vergonzante dalgúns políticos que reflexan a súa catadura moral: Francisco Vazquez, Fraga Iribarne, Feijoo. Ou temas e conflitos que padece o noso País ( autovías,  monarquía, corrupción) ou a memoria histórica (secuestro da historia, represión franquista,…).

É por iso  que a Irmandade Moncho Valcarce, co voso acordo, e o de todos os presentes, decidimos otorgar o “Premio Moncho Valcarce” na categoría “Pola defensa da Terra”, correspondente ao ano 2024, a Manuel Monge González.

Fai entrega do Premio Xan Castro, membro da Directiva da Irmandade

Premios Moncho Valcarce 2023 //

Ler saudo aos asistentes

Hai 30 anos do pasamento de Moncho Valcarce e a súa loita e o seu compromiso seguen vixentes. Aqueles que en tempos expoliaban os nosos recursos, explotaban aos labregos, marxinaban a nosa cultura e negábannos o dereito a decidir por nós mesmos, son os mesmos que hoxe en día queren convertir o noso País nun parque temático de eólicos, destruir os bancos pesqueiros, contaminar os nosos ríos, destruir a nosa cultura…

A Irmandade Moncho Valcarce segue na defensa do legado de Moncho é por eso que inicia unha nova etapa. Hoxe presentamos a nova Xunta Directiva, saída da  Asemblea celebrada o pasado mes de marzo. E cuns obxectivos claros:

  • Ser un elemento vertebrador entre o mundo rural e o urbano.
  • Vontade integradora con outros movementos sociais.
  • Dar apoio e implicarnos nas demandas e movilizacións dos movementos sociais.
  • Profundizar na faceta relixiosa de Moncho para entender mellor o seu compromiso coas reivindicacións do mundo rural.
  • Poñer en valor o seu compromiso e as súas loitas, visibilizando os feitos históricos dos anos 1970-1980, que nos sirvan de ferramenta de traballo diante dos retos presentes e futuros.

A exposición sobre Moncho Valcarce, composta de 21 paneis, ten que servir para que de forma didáctica as novas xeneracións profundicen e coñezan a súa  figura e parte da historia recente do noso País, por iso pretendemos que, unha vez máis, recorra a nosa xeografía.

E por suposto, a razón pola  que hoxe estamos aquí: a recuperación dos Premios Moncho Valcarce.

Pensamos, que non podía haber mellor candidato para esta nova xeira e para dignificar o Premio que outorgarllo á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Quero aproveitar para saudar con moito cariño a algùns e algunhas das presentes – Elena Veiguela, Pilar García Negro, Antón Cruz, Francisco Peña, que en diferentes etapas formaron parte das directivas da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e tiveron, ou tivemos, o privilexio de estar na mesma  directiva que Moncho Valcarce. Non esquezamos que Moncho foi o tesoreiro da súa  primeira directiva.

Sen máis, pasamos a lectura das razóns polas que concedemos este ano o Premio Moncho Valcarce á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a propia entrega do mesmo. Grazas

Premio Pola Defensa e a Promoción da Terra

Agrupación Cultural Alexandre Bóveda

Agrupación Cultural Alexandre Bóveda

Ler discurso

Despois duns longos anos de tempos oscuros, nunha longa noite de pedra, un grupo de mozas e mozos cheos de entusiasmo e con ganas de traballar pola lingua e a cultura galegas, deciden crear unha asociación cultural que dera resposta ás carencias existentes naquelas datas.

Deso hai xa casi 50 anos – 47 exactamente – un 17 de agosto, como homenaxe a quen levaría o nome da entidade, nace na cidade da Coruña a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

A efervescencia cultural e política daqueles anos contribuíu a devolverlle a Galicia a súa dignidade nunha loita teimuda e concienciadora a prol do noso idioma, da nosa cultura, da nosa identidade nacional. Loita que segue vixente aínda hoxe  na filosofía e no traballo diario da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Os Premios Moncho Valcarce recoñecen entre outras cousas ás entidades que teñen unha continuidade no tempo e, abofé, que Alexandre Bóveda cumpre con ese requisito.

O seu traballo  é inxente e diverso desde  a súa fundación: a divulgación da figura e do pensamento do ilustre nacionalista e figura clave do nacionalismo galego, ciclos de música galega, grupos de títeres, xoves literarios, cursos de galego, seminarios, historia da  cidade da Coruña, recuperación de festas populares…

Socia fundadora no seu momento da Federación de Asociacións Culturais Galegas, o local de Alexandre Bóveda foi centro de acollida doutras asociacións como por exemplo: Amnistía Internacional, colectivo Milhomes ou a Comisión pola Recuperación da  Memoria  Histórica.

Na actualidade son moi variadas as actividades culturais desenvolvidas, quer en solitario, quer en colaboración con outras entidades que manteñen aceso o facho da cultura na nosa cidade. Un intenso traballo socio-cultural que asenta na proxección da lingua, literatura e cultura  galega, na historia local, no grupo de teatro, nas exposicións na defensa dos dereitos das mulleres e no traballo reivindicativo.

Teñen dous grupos de lectura, grupos de pensamento, memoria histórica e fotografía.

É constante o traballo de investigación con temas como a memoria das mulleres que deu lugar ao proxecto “A Coruña das Mulleres”. O último proxecto é “A Coruña literaria”.

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda é hoxe, máis que nunca, un referente obrigado para os que nos sentimos orfos de plataformas que profundicen nas nosas raíces. Pero tamén para aqueles que descoñecen a nosa riqueza como Pobo, devolvendo unha autoestima tan necesaria para acadar o noso obxetivo, a liberación do noso Pobo.

É por isto que a Irmandade Moncho Valcarce, co voso acordo, o de todos os presentes, decidimos otorgar o “Premio Moncho Valcarce pola Defensa e a Promoción da Terra”, correspondente ao ano 2023, á “Agrupación Cultural Alexandre Bóveda”.

Premios Moncho Valcarce 2013 //

Premio Pola Promoción da Terra

Museo do Pobo Galego

Museo do Pobo Galego

Premio Pola Defensa da Terra

Manuel Lugrís Rodríguez

Manuel Lugrís Rodríguez

Premios Moncho Valcarce 2011 //

Premio Pola Promoción da Terra

Asociación Sociopedagóxica Galega AS-PG Recolle o premio o presidente: Xoan Costa

Asociación Sociopedagóxica Galega AS-PG Recolle o premio o presidente: Xoan Costa

Premio Pola Defensa da Terra

Camilo Nogueira Román

Camilo Nogueira Román

Premios Moncho Valcarce 2010 //

Premio Pola Promoción da Terra

Seminario Galego de Educación para a Paz Recolle o premio o presidente: Manolo Dios

Seminario Galego de Educación para a Paz Recolle o premio o presidente: Manolo Dios

Premio Pola Defensa da Terra

Xosé Manuel Beiras

Xosé Manuel Beiras

Premios Moncho Valcarce 2009 //

Premio Pola Promoción da Terra

A Peneira Recolle o premio o director: Guillermo Rodríguez

A Peneira Recolle o premio o director: Guillermo Rodríguez

Premio Pola Defensa da Terra

Mesa pola Normalización Lingüística Recolle o premio o presidente: Carlos Callón

Mesa pola Normalización Lingüística Recolle o premio o presidente: Carlos Callón

Premios Moncho Valcarce 2008 //

Premio Pola Promoción da Terra

Manuel Caamaño Suárez

Manuel Caamaño Suárez

Premio Pola Defensa da Terra

Vecinos das Encrobas

Vecinos das Encrobas

Premios Moncho Valcarce 2007 //

Premio Pola Promoción da Terra

Real Academia Galega Recolle o premio Andrés Torres Queiruga

Real Academia Galega Recolle o premio Andrés Torres Queiruga

Premio Pola Defensa da Terra

Enrique Vigo Teijeiro Antifranquista represaliado no 1936

Enrique Vigo Teijeiro Antifranquista represaliado no 1936

Premios Moncho Valcarce 2006 //

Premio Pola Promoción da Terra

Aristóbulo Quinteiro “Todo” Histórico sindicalista labrego

Aristóbulo Quinteiro “Todo” Histórico sindicalista labrego

Premio Pola Defensa da Terra

Xosé Chao Rego

Xosé Chao Rego

Premios Moncho Valcarce 2005 //

Premio Pola Promoción da Terra

Isidoro Rodríguez Pérez (dinamizador cultural de Lugo)

Isidoro Rodríguez Pérez (dinamizador cultural de Lugo)

Premio Pola Defensa da Terra

Obradoiro da Historia de Ordes

Obradoiro da Historia de Ordes

Premios Moncho Valcarce 2004 //

Premio Pola Promoción da Terra

Avelino Pousa Antelo (Presidente da Fundación Castelao)

Avelino Pousa Antelo (Presidente da Fundación Castelao)

Premio Pola Defensa da Terra

Bautista Álvarez Domínguez (Presidente da UPG e deputado polo BNG)

Bautista Álvarez Domínguez (Presidente da UPG e deputado polo BNG)

Premios Moncho Valcarce 2003 //

Premio Pola Promoción da Terra

Marisol Bravos López (Dirixente de asociacións de discapacitados de Lugo)

Marisol Bravos López (Dirixente de asociacións de discapacitados de Lugo)

Premio Pola Defensa da Terra

Rafael Mouzo (Alcalde de Corcubión)

Rafael Mouzo (Alcalde de Corcubión)

Premios Moncho Valcarce 2002 //

Premio Pola Promoción da Terra

A Quenlla (Grupo de música popular galega)

A Quenlla (Grupo de música popular galega)

Premio Pola Defensa da Terra

Xosé María Rivera Arnoso (Alcalde de Fene)

Xosé María Rivera Arnoso (Alcalde de Fene)

Premios Moncho Valcarce 2001 //

Premio Pola Promoción da Terra

Sociedade labrego cultural de Reboreda (Redondela-Pontevedra)

Sociedade labrego cultural de Reboreda (Redondela-Pontevedra)

Premio Pola Defensa da Terra

Francisco Carballo Carballo

Francisco Carballo Carballo

Premios Moncho Valcarce 2000 //

Premio Pola Promoción da Terra

Revista Irimia

Revista Irimia

Premio Pola Defensa da Terra

Isaac Díaz Pardo

Isaac Díaz Pardo

Premios Moncho Valcarce 1999 //

Premio Pola Promoción da Terra

Manuel María Fernández Teixeiro

Manuel María Fernández Teixeiro

Premio Pola Defensa da Terra

Coordenadora galega de comunidades de montes veciñais e mán común

Coordenadora galega de comunidades de montes veciñais e mán común

Premios Moncho Valcarce 1998 //

Premio Pola Promoción da Terra

Xesús Mato Mato (crego da montaña de Lugo)

Xesús Mato Mato (crego da montaña de Lugo)

Premio Pola Defensa da Terra

Coordenadora antiencoro do Umia (Caldas, Cuntis e Moraña)

Coordenadora antiencoro do Umia (Caldas, Cuntis e Moraña)

Premios Moncho Valcarce 1997 //

Premio Pola Promoción da Terra

Centros de desenvolvemento rural “Portas abertas”, “O viso”, “Eirada” (A Limia e Vilardevós de Ourense)

Centros de desenvolvemento rural “Portas abertas”, “O viso”, “Eirada” (A Limia e Vilardevós de Ourense)

Premio Pola Defensa da Terra

Asociación sociopedagóxica “Chavós” (dedicada ao mundo xitano)

Asociación sociopedagóxica “Chavós” (dedicada ao mundo xitano)

Premios Moncho Valcarce 1996 //

Premio Pola Promoción da Terra

Alfonso Blanco Torrado (crego de Guitiriz)

Alfonso Blanco Torrado (crego de Guitiriz)

Premio Pola Defensa da Terra

Asociación de Mulleres de mariñeiros “Rosa dos Ventos”

Asociación de Mulleres de mariñeiros “Rosa dos Ventos”

Premios Moncho Valcarce 1995 //

Premio Pola Promoción da Terra

Preescolar na casa de Cáritas-Lugo

Preescolar na casa de Cáritas-Lugo

Premio Pola Defensa da Terra

Coordenadora antiencoro de Navia de Suarna

Coordenadora antiencoro de Navia de Suarna

Premios Moncho Valcarce 1994 //

Premio Pola Defensa e a Promoción da Terra

Sindicato Labrego Galego

Sindicato Labrego Galego

POLÍTICA DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies para mejorar su experiencia mientras navega por el sitio web. Fuera de estas cookies, las cookies que se clasifican según sea necesario se almacenan en su navegador, ya que son esenciales para el funcionamiento de las funcionalidades básicas del sitio web. También utilizamos cookies de terceros que nos ayudan a analizar y comprender cómo utiliza este sitio web. Estas cookies se almacenarán en su navegador solo con su consentimiento. También tiene la opción de optar por no recibir estas cookies. Pero la exclusión voluntaria de algunas de estas cookies puede afectar su experiencia de navegación.

Cookies estrictamente necesarias

Las cookies necesarias son absolutamente esenciales para que el sitio web funcione correctamente. Esta categoría solo incluye cookies que garantizan funcionalidades básicas y características de seguridad del sitio web. Estas cookies no almacenan ninguna información personal.

Google Analytics

Esta web utiliza Google Analytics para recopilar información anónima tal como el número de visitantes del sitio, o las páginas más populares.

Dejar esta cookie activa nos permite mejorar nuestra web.