3. O SEU PENSAMENTO

O sacerdote Moncho Valcarce traducía a súa indudable fé relixiosa en clave humanista, na que o amor ao próximo se convertía na base de toda a súa actividade. Tratábase dun amor que lonxe da acepción idealista que poidera ter, para Moncho era un modo de acción. A defensa dos máis necesitados fronte aos poderosos, e o enfrontamento cos poderosos fronte aos máis necesitados, eran xeitos de expresar o seu amor ao pobo. Nun caso no sentido de liberación, noutro no de rexeneración. Lonxe de calquera abstracción, Moncho traduciu as súas crenzas relixiosas en ideas de contido político e entregouse totalmente a loitar polos pobres e por Galiza considerando ambas cuestións inseparables da súa condición presbiterial. Coñezamos a través dalgunhas das súas intervencións o seu pensamento:

 

"A miña concienza galega aumenta na medida que profundizo a fe e no que me esixe o ser cristián, ordeado presbítero en Galiza. Non podo separar fe, presbiterado e concienza de ser galego".

  "O meu servizo político na loita, onte polas chamadas liberdades democráticas, hoxe no campo sindical agrario e en cargos públicos, foi unha obriga á miña fidelidade a Xesús e ao meu amor ao pobo, que non son cousas diferentes, senón unha soa Fe e un só Amor".  



"Se erguemos muros entre uns e outros, alá vai a esencia do grupo como comunidade. É difícil ser un Xoán Bautista, como é difícil amar a todos, aos pobres -os máis- loitando con eles, aos que teñen o poder económico denunciándoos, opoñándonos aos seus planos".

 



"O termo política contemplámolo á luz de Servizo, como función pedagóxica, actividade orientada á educación do pobo, no sentido de despertar o espíritu de corresponsabilidade social e crítica. Despertar a necesidade de organizarse para loitar con garantías de triunfo contra as agresións, contra as inxusticias que a diario sofre".

 



"O seguimento a Xesús ten que empuxar a un galego a comprender a realidade do seu País, a sentirse membro dunha nación privada de soberanía. O seguimento empuxa a destruír ferreas murallas que impiden loitar no amor para que desapareza toda explotación, para que a súa nación se lle recoñeza o dereito e o deber de organizarse politicamente".
 
"Defender os dereitos nacionais, consecuencia do seguimento, non supón absolutizar a idea de patria ou nación; todo o contrario, pois desde o concreto vívese aberto a outras necesidades e a outros pobos, e desde Galiza e para Galiza, compréndese que se traballa pola fraternidade universal conquistada por Cristo na resurrección".
 
"Non se pode ser cristián e ordenado presbítero, sen asumir un compromiso liberador, pois somos fillos dunha Terra oprimida, á que se lle negan os dereitos tan esenciais como o da autodeterminación, na que malviven xentes explotadas e marxinadas, devoradas por un neocolonialismo brutal".
 
"O compromiso liberador consiste en identificarse radical e combativamente cos que sofren o peso da opresión, para colaborar na conquista dunha nova Galiza e dun novo mundo".