| |
6. A IRMANDADE A Irmandade Moncho Valcarce é unha asociación legalizada,
impulsada polos que fomos amigos, compañeiros e familiares
de Moncho, aberta a todos os que se identifiquen cos valores que
el defendía, e coa misión de perpetuar a memoria deste crego como exemplo de entrega e compromiso
co pobo galego, así como a de difundir o seu pensamento, expandir o seu significado humano e dignificar e potenciar a súa figura como persoeiro histórico do agrarismo dende unha perspectiva nacionalista. Precisamente, por ser Moncho un símbolo do inconformismo labrego, creamos un "Centro de documentación agrarista" onde se recopila todo tipo de documentos e bibliografía ao respecto e, sobre todo, o material relativo ás loitas agrarias nas que Moncho participou activamente.

Actividades
A Irmandade institucionalizou unha cea anual como recordo e homenaxe a Moncho Valcarce aberta á participación de todos os que o desexen.

Nesta cea concédense os Premios Moncho Valcarce pola Defensa da Terra e pola Promoción da Terra ás persoas ou colectivos que se distinguiran ao longo do tempo na defensa dos dereitos políticos, sociais e culturais que nos corresponde como pobo. Os premios consisten nun busto de Moncho realizado polo artista Salvador Hernández. |
|
| |
A Irmandade Moncho Valcarce participou o día 26 de novembro do 2006 nos actos que se celebraron en Sobredo, parroquia de Guillarei do
concello de Tui, en memoria dos sucesos ocorridos o 27 de novembro de
1922, nos que houbo un enfrontamento dos veciños coa garda civil para
impedir o embargo de terras por non pagar os foros, e que rematou coa
morte de tres persoas do lugar e feridas varias máis. Un monumento
ergeuse, entón, en conmemoración daqueles feitos, e todos os anos
xúntase a xente ao seu redor para non esquecelos. Invitados polos
organizadores do evento, Confederación Galega de Asociacións Veciñais
e a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Mán
Común, quen dedicou unha homenaxe a Moncho Valcarce resaltando tamén
o seu agrarismo, os membros da Irmandade alí presentes agradecimos
este xesto á vez que realizamos unha ofrenda floral na memoria dos
chamados mártires de Sobredo.

|
|